Brasil, Lula e a corrupción
Presentación
Cruzado o limiar da metade do seu mandato e preparando no horizonte
a reelección presidencial en 2006, a polémica arredor da corrupción parece afectar seriamente
ao goberno de Lula da Silva. Dende que un incómodo escándalo de subornos explotou, as denuncias non
fixeron mais que medrar, involucrando a pezas clave do gabinete presidencial e da dirixencia do Partido dos Traballadores
(PT). Pese a todo, o presidente Lula mantén aínda un elevado nivel de aceptación popular,
pero as expectativas comezan a debilitarse.
As acusacións de subornos foron realizadas polo semanario Veja, sinalando como responsable a Roberto Jefferson,
presidente do Partido dos Laboristas de Brasil, membro da coalición gobernamental. Foi acusado de ser o
xefe dunha rede de subornos que envolveu a deputados oficialistas que supostamente recibiron 10.000 euros ao mes
para que aprobaran as leis presentadas polo Executivo. O epicentro do escándalo sitúase no departamento
de Correos, outorgado por Lula a Jefferson.
Para Lula, o grave do asunto estriba en que o poder xudicial se decida a impulsar un proceso de destitución
presidencial. Argumentan que o caso semella moito ao que obrigou ao ex presidente Fernando Collor de Mello a dimitir
en 1992. De feito, o goberno impediu que se levara a cabo unha investigación por parte dunha comisión
parlamentaria, optando por destituír a toda a dirección de Correos. Dos 91 deputados do PT na cámara
baixa, 14 firmaron a petición de autorizar a investigación.
A situación se agrava cada vez mais. Os últimos meses foron prolíficos en manifestacións
de división na coalición gobernamental e o propio PT, partido que sempre tivo por estandarte a ética,
a loita contra a corrupción e a xustiza social. Moitos sectores internos acusan ao presidente de conveniencia
cos sectores conservadores e de lentitude nas reformas.
Con este panorama, a globalizada economía brasileira padeceu os embates da crise: o dólar revalorizouse,
o crecemento económico trimestral para o 2005 foi menor do esperado, 0,3%, e a Bolsa de Sao Paulo rexistrou
baixas ganancias. Neste estado, motor económico nacional, a unión de empresarios alertou sobre a
posibilidade dunha recesión.
¿Aprécianse fisuras na revolución iniciada por Lula? A pesar dos escándalos, a súa
posición sigue sendo solidamente vantaxosa, pero non garante unha vitoria contundente nas presidenciais,
a celebrar a finais de 2006. De feito, as demandas por implementar unha “revolución social” máis
profunda, arrecian co paso do tempo. A multitudinaria marcha convocada polo Movemento dos Sen Terra (MST) ata Brasilia
a mediados de maio, para esixir unha maior redistribución das terras e a reubicación de familias
campesiñas, demostrou que a posición política de Lula pode comezar a debilitarse por onde
máis lle doe: os movementos sociais.
O MST considera que as 59.000 familias reubicadas ao ano son poucas, comparadas coas 66.000 reubicadas polo goberno
anterior, e esixen melloras para 430.000 familias ata o final do período de goberno. Outro aspecto ten que
ver cos asasinatos de activistas rurais: 39 foron asasinados o ano pasado.
Se ben organismos financeiros como o FMI aplaude na xestión de Lula, outras opinións proveñen
de algunhas investigacións realizadas por organismos foráneos.
O Comité contra a Discriminación
Racial da ONU recomendou ao goberno de Lula o fin das desigualdades que afectan aos afrodescendentes, os mestizos
e os indíxenas, sobre todo en materia de emprego, salarios e falta de acceso a cargos políticos.
En Brasil está hoxe en marcha un debate que pon en cuestión o mito da igualdade racial brasileira.
De igual modo, un estudo do IPEA coloca a Brasil no penúltimo lugar entre 130 países en canto a distribución
da renda.
Sería inxusto adxudicar estes indicadores á responsabilidade directa do actual goberno, pero dan a entender a enorme dimensión dos retos a afrontar para alcanzar a revolución social pretendida polo presidente brasileiro e anhelada pola maior parte da poboación. A ano e medio das presidenciais, o ambiente político comeza a caldearse.
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org
Actualidade Exterior / nº 162-15/2005 de 18 de xullo
Página Inicial Nosso Fórum / Nuestro Foro / Our Forum
Hemeroteca. As páginas de divulgação de artigos e materiais e textos jornalísticos, já publicadas por outras instituições, que abordam temas e fatos relacionados a assuntos étnicos e raciais e o conteúdo e as opiniões neles expostos são de responsabilidade de seus autores, não necessariamente expressando no todo ou em parte opiniões ou posicionamentos do Nação Mestiça. Textos assinados são de inteira responsabilidade de seus autores.
DENUNCIE A POLÍTICA DO GOVERNO BRASILEIRO CONTRA MESTIÇOS
DENUNCIE LA POLÍTICA DEL GOBIERNO BRASILEÑO CONTRA MESTIZOS
DENOUNCE THE POLICY OF THE BRAZILIAN GOVERNMENT AGAINST MESTIZOS
Movimento Pardo-Mestiço Brasileiro
Todos os direitos reservados